quinta-feira, 8 de agosto de 2019

A MURALLA VERDE


Se exceptuamos á muralla popularizada polos cantantes Ana Belén e Victor Manuel que ten un carácter reversible e pode unir ou separar dependendo de quen veña petar á porta, o resto das murallas e dos muros teñen sempre unha función defensiva e de resistencia. Quizá nos soen, e moito, o muro de Berlín ou ese outro entre EEUU e México que algún dirixente pretende construír. Pero hoxe ímonos fixar nun que ten un matiz positivo.
A muralla verde é o intento que, dende o ano 2007 está a facer o continente africano para evitar a expansión do deserto nunha actuación que se extende dende Senegal ao oeste ata Djibuti situado no chamado corno de áfrica.
Deste xeito, preténdese concienciar á poboación sobre a importancia de frear o avance do deserto derivado da sobreexplotación dos recursos.



quinta-feira, 1 de agosto de 2019

ODS

E que son os ODS que nomeei na entrada anterior? Pois non sei se te terás fixado que na televisión, ás veces, aparece xente cun pin multicolor en forma de anel; isto simboliza os ODS.
Quizá non recordes os ODM (É normal; daquela quizá nin sequera naceras).
Os obxectivos do milenio, que así se chamaban, pretendían actuar sobre a pobreza, a educación, a igualdade, a saúde e o medio para conseguir unha mellora sobre todo nos países de economía en vías de desenvolvemento.


O ano 2015 é cando remataba o prazo autoimposto polo PNUD  (Programa das Nacións unida para o desenvolvemento). Os seus resultados podémolos consultar na súa páxina web.

Os ODS (Obxectivos para o desenvolvemento sostible) supoñen, na realidade, unha continuación e unha ampliación daqueles obxectivos ata o ano 2030.


Parece ser que por fin nos demos conta de que nun mundo cada vez máis globalizado as medidas a tomar deben implicar a todos e cada un dos países (independentemente do seu nivel de desenvolvemento) e a todos e cada un de nós. A Guía dos preguiceiros para salvar o mundo e as 170 accións diarias para salvar o mundo danos consellos sobre que podemos facer para colaborar neste proxecto.
Haberá que poñerse mans a obra, non?