terça-feira, 5 de março de 2019

CANDO UN É VÍCTIMA DE SI MESMO

Stalin é unha desas personaxes históricas que orixina en torno a ela intensos debates por parte de defensores e de detractores. Independentemente do papel que xogara na liberación de Europa do nazismo o certo é que dirixiu a URSS con man de ferro (deberiamos dicir máis ben con man de aceiro, stal en ruso, que de aí é de donde vén o seu sobrenome) dende o ano 1922 ata a súa morte no 1953. O réxime de terror que implantou debeu ser de tal envergadura que cando sufriu un infarto ninguén foi quen de botarlle a man por medo (algo de razón deben ter os seus detractores)
Isto aconteceu fai hoxe 66 anos e é o que nos conta, xunto ao enfrontamento pola súa sucesión, a película, en tono de comedia, así titulada: "A morte de Stalin". 



Se tedes ocasión botádelle un ollo cando poidades así como ao cómic que tamén nolo conta.

sexta-feira, 1 de março de 2019

ESTACIÓN METEOROLÓXICA VERSUS ESTACIÓN ASTRONÓMICA

Unha vez escoiteille dicir a Santiago Pemán nunha entrevista na radio (o que foi home do tempo na galega durante moito tempo) que en Galicia tiñamos tres estacións: o verán, o inverno e a do tren.

Pois resulta que non; hai bastantes máis aínda que só sexa polo feito de que non coinciden exactamente as astronómicas coas meteorolóxicas. Estas últimas comezan sempre co inicio do mes: o 1 de marzo, o 1 de xuño, o 1 de setembro e o 1 de decembro. Estatísticamente é así máis fácil comparar datos xa que , as estacións, sempre duran o mesmo (excepto en ano bisesto, claro) e non dependen da elipse que traza a órbita da terra no seu movemento de traslación que pode modificar a duración da estación ata en catro días.
Por se alguén non se enterou, entramos xa na primavera meteorolóxica.