domingo, 11 de dezembro de 2016

A GUERRA DOS MUNDOS

É o título dunha famosa novela de H.G.Wells que inspirou a Orson Welles para levar a cabo un experimento radiofónico que demostrou o gran poder dos medios de comunicación, e tamén inspirou películas do xénero de ficción, episodios de series de televisión ou montaxes en Youtube. Nela se narra a invasión do planeta Terra polos extraterrestres e como estes son derrotados polos organismos vivos máis minúsculos coñecidos naquela época, as bacterias.



As imaxes publicadas recientemente pola NASA sobre a evolución e retroceso do xeo no Ártico nos últimos 32 anos, xunto a outras noticias de xornal relacionadas con este feito, fan recordar o potencial destes microorganismos que xa no pasado tiveron algún que outro protagonismo...

domingo, 27 de novembro de 2016

VENRES NEGRO

A que dito así semella outra cousa? Pois estoume a referir a ese fenómeno importado recentemente dos EEUU e que sinala dalgún xeito o inicio das compras navideñas, o "Black Friday" (ampliado xa co "Cyber Monday").




Se curioso resulta como fenómeno económico, máis curioso resulta aínda o debate sobre a orixe do seu nome. Hai quen se remonta á época escravista; hai quen ve o seu nacemento ligado á celebración dun clásico do fútbol americano; quen o relacciona co desfile do día de acción de gracias e o patrocinio duns grandes almacéns; ou incluso coa cor que os números teñen nas contas dependendo se son de gañanzas ou perdas... Sexa como for, a cuestión é que chegou... para quedarse.
Estamos preparados para non deixarnos arrastrar a esta voráxine consumista?

segunda-feira, 31 de outubro de 2016

O CETA, CABALO DE TROYA DO TTIP

Este era o chamativo titular do artigo dun xornal dixital alá polo mes de maio. E agora o cabalo de Troya converteuse nunha realidade posto que a UE firmou con Canadá este acordo comercial. Se partimos da premisa de que os acordos comerciais son bos, porque este rexeitamento ao CETA firmado con Canadá e ao TTIP que se negocia cos EEUU?
Información non oficial podemos atopar moita (entre outras cousas porque as negociacións mantéñense en segredo; non resulta sospeitoso?) Se ben é certo que os acordos pretenden facilitar o comercio internacional entre os estados firmantes, non é menos certo que só se pode facer equiparando as normativas sanitarias, laborais e medioambientais. He aquí onde radica un das maiores críticas que se lle fai, xa que probablemente estas lexislacións se unifiquen segundo o criterio máis laxo.



A outra crítica é a de que abre a posibilidade do control das multinacionais sobre os estados, xa que permite a demanda por parte das empresas aos gobernos, cando a lexislación destes perxudiquen os intereses daquelas (e xa sabemos de donde saca o estado os cartos).
Vamos, que nolo poden dicir con humor ou con música pero é a nosa labor informarnos para reflexionar sobre as consecuencias que pode ter, para nós, a ratificación destes acordos polos parlamentos dos diferentes estados...

sábado, 15 de outubro de 2016

QUEN DESCUBRIU QUE?

Máis que "quen descubriu que", este mapa que podemos consultar en internet, deberíase chamar "Quen deu primeiro noticia de?"... Ao fin e ao cabo, xa sabemos, que Colón non foi o primeiro europeo en toparse co continente Américano.



E con respecto ao feito do "descubrimento" de America, como cada 12 de outubro, a porfía está servida entre defensores e detractores da conquista. Non é que me gusten as polémicas pero recoñezo que me apasionan os debates. Lede e opinade.

domingo, 9 de outubro de 2016

ANTROPOCENO

Pois ao final tivemos verán e... menudo verán! E sempre, pase o que pase (se fai frío, se fai calor, se chove moito, se hai seca...) botámoslle a culpa ao cambio climático resultado da influencia do ser humano sobre o medio. E esta influencia é real; non fai falla máis que mirar unha imaxe nocturna do noso planeta para darnos conta disto.


Un dato novo, ademáis, vén a confirmalo. Xa deixamos a nosa pegada xeolóxica, é dicir, os residuos das actividades humanas conforman unha capa máis nos estratos de sedimentación da terra. E esta evidencia é a que fai que algúns científicos propoñan unha nova división da escala temporal xeolóxica denominada así: Antropoceno. Unha desgracia máis para o planeta. Se ben claramente, nós non estamos en condicións de revertir o proceso, quizá estea da nosa man frealo un pouco. Colaborar nesta empresa costa pouco e non nos supón un gran esforzo. Cooperamos?

sábado, 18 de junho de 2016

O ANO SEN VERÁN

Non estou a facer unha "predificción" meteorolóxica nen nada polo estilo, non. Ademáis creo que non saen moi ben. Se mal non recordo, no 2007 o servizo meteorolóxico británico predecira o verán máis quente de todos cantos se tiñan datos e.... chovera todo o mes de xullo; e no 2013 o servizo meteorolóxico francés predecira o contrario, é dicir o verán máis frío, e viñera unha tras outra varias vagas de calor... Así que mellor nos é, non facer caso deses agoreiros que andan anunciando xa o non-verán deste ano e, esperar pacientemente a chegada do sol.
Non podemos saber con certeza o que virá pero si podemos saber e analizar o que xa pasou. E o verdadeiro ano sen verán tivo lugar no ano 1816.



A erupción do volcán Tambora en abril de 1815, foi a causante disto; expulsou tal cantidade de cinza á atmosfera que "nubrou" a radiación solar durante moito tempo...
A que non sabíades que Frankenstein, a panxoliña Noite de Paz e as pinturas do británico Turner (entre outras moitas cousas) tiñan algo en común?



quarta-feira, 15 de junho de 2016

O NOSO ADN

Hai ideoloxías que, baseándose no descoñecemento, nos prexuízos e nos tópicos, consiguen arrastrar ás persoas ao medo e ao rexeitamento, e xenerar así situacións de enfontamentos e violencia. Estas ideoloxías, aínda que parezan cousas do pasado están aí, á volta da esquina (basta con ler as noticias no xornal) e non estamos tan libres como pensamos de caer nas súas "redes". Xa nolo demostrou un famoso experimento realizado no seu día por un profesor de historia sobre a capacidade de atracción dos movementos totalitarios. Algúns xa vistedes o filme baseado nestes feitos, la ola. Para os que non, na biblioteca do centro contamos co cómic baseado na película.
Afortunadamente a ciencia axúdanos a desmontar algunha das bases nas que se sustentan estas ideoloxías (como é o caso do superado concepto de raza).
Queres saber como o consigue o ADN?.

domingo, 12 de junho de 2016

SUSTENTABILIDADE

Desenvolvemento sustentable é un término contraditorio en si mesmo; ao fin e ao cabo, cada actuación do ser humano non deixa de ser agresiva co medio que o rodea. O que temos que valorar entón é se o beneficio obtido para a humanidade compensa o prexuízo exercido na natureza. Difícil diatriba. Como seguir consumindo os recursos da natureza, para manter o noso xeito de vida, sen esgotala completamente? Deste equilibrio é do que se ocupa a sustentabilidade.



Non deixa de ser paradóxico tamén que unha compañía dedicada á construción de infraestruturas fora, a que fai anos, nos presentara este problema a través dun anuncio publicitario.
E para implicarnos un pouco persoalmente, podemos comezar realizando un sinxelo test que mida a nosa pegada ecolóxica. Seguro que o resultado vos sorprende.
Pois iso; que facemos?

domingo, 29 de maio de 2016

GUINEA ECUATORIAL

Este pequeno país africano de fronteiras rectilíneas foi unha das colonias que en África posuíu España. Practicamente non sabemos nada del, como nada sabemos das antiguas colonias españolas neste continente (será unha cuestión de vergoña nacional?).
Á historia académica non lle interesa e á realidade actual tampouco.


É curioso, por isto, que teña que ser un best-seller e unha película comercial quen o poña no mapa; estoume a referir a Palmeras en la Nieve, filme que nos introduce nese convulso período de transición no que Guinea Ecuatorial pasou de colonia, a provincia de ultramar e a obter definitivamente a súa independenza. E coincide no tempo con unha película-documental, Un día vi 10.000 elefantes, que narra a viaxe, contada dende o punto de vista de Angono Mba un dos porteadores guineanos, que por ese país realizou Manuel Hernandez Sanjuan entre os anos 1944 e 1946 intentando documentar a vida na Colonia. Documental que deixa ao descuberto.... Case mellor o vedes e sacades vós mesmos a conclusión. Un bo exercicio de reflexión, sen dúbida!!

segunda-feira, 16 de maio de 2016

SYKES - PICOT

Parece incríble que unhas liñas trazadas con lápices de cores sobre un mapa poidan ter (e manter) as consecuencias que teñen... un século despois!!



E é que eses lápices de cores marcaban o reparto (secreto) que fixeron o Reino Unido e Francia, dunha parte do territorio do Imperio Otomano, no caso de que este fora derrotado na I Guerra Mundial. O tratado no que se fixo esta división coñécese como Acordo Sykes-Picot e firmouse o 16 de maio de 1916. O problema é que non só non tiveron en conta aos habitantes do lugar (as potencias coloniais por aquel entón nunca o facían. Espera. Agora tampouco!), senón que previamente os engañaran prometéndolles a creación da Gran Arabia a cambio da súa axuda para derrotar ao Imperio Otomano, aliado do Imperio Alemán e do Austro-Húngaro na Grande Guerra (Un pouco máis tarde, en 1917, o goberno británico tamén apoiou á creación dun estado Xudeu coa declaración Balfour). Xa sabemos como acabou aquela guerra. O que non sabemos é como vai acabar o resto...

domingo, 8 de maio de 2016

EL MINISTERIO DEL TIEMPO

Aprender historia non ten porque ser aburrido; so temos que elixir o medio adecuado. Un deles pode ser vendo a televisión. Si, si, ledes ben, vendo a televisión. Recoméndovos esta serie que emite actualmente a 1 de TVE, El Ministerio del Tiempo. Unha serie de ciencia ficción que xoga coa posibilidade de viaxar a outras épocas, ao tempo que unha patrulla encárgase de actuar, para que nada cambie no pasado e conseguir así que todo permaneza no presente. Atractivo, non? No último capítulo de feito mesturaron varios temas: o das "sin sombrero" (ese grupo de mulleres artistas da xeración do 27 esquecidas pola historia) co da Vampira do Raval (un episodio truculento de comezos do S.XX en Barcelona) e outro tema máis coñecido actualmente como pode ser o dos nenos roubados. Ademáis de pasar un rato entretido, podemos aprender moitas cousas xa que a serie está bastante ben documentada.
O capítulo de mañá fala de Colón. Animádesvos?

segunda-feira, 2 de maio de 2016

Iº DE MAIO

O 1º de maio non é, en realidade un día de festa senón de reivindicación. De feito é un día de folga remunerado. E cal é a orixe desta conmemoración? Pois ten moito que ver coa historia do sindicalismo. A revolución industrial deixou atrás un modelo productivo baseado na agricultura para traer outro novo baseado no traballo dos obreiros nas fábricas a cambio dun salario (unha nova clase social que xurde; o proletariado). As condicións eran pésimas: xornadas de traballo interminables, sen días de descanso nin vacacións, condicións insalubres, salario ínfimo e traballo infantil. Xurde así o movemento obreiro como xeito de reivindicar a mellora destas condicións.
Unha destas referíase á xornada laboral de oito horas. Comezou deste xeito unha folga xeral o 1 de Maio do ano 1886 nos EEUU que continuou con manifestacións, revoltas, encarceramentos e o axustizamento de oito traballadores de unha imprenta anarquista acusados de provocar o estoupido de unha bomba nun mitin: os mártires de Chicago.


Como tributo a estes traballadores instaurouse no marco da II internacional socialista, o 1º de Maio como día internacional dos traballadores.
Así que cando os gobernos propoñan leis laborais ou pretendan chegar a acordos internacionais (como o TTIP) que mermen os dereitos dos traballadores, quizá deberíamos recordar máis a loita de todos aqueles que conseguiron que disfrutaramos dunhas condicións laborais dignas.

terça-feira, 26 de abril de 2016

LIQUIDADORES

Este é o nome que recibiron os verdadeiros heroes anónimos que loitaron para intentar minimizar as consecuencias dun dos desastres nucleares máis importantes da Historia (exceptuando as barbaridades de Hiroshima e Nagasaki e o de Fukushima orixinado polo terremoto e posterior maremoto do 2011 en Xapón) do que hoxe cúmprense 30 anos; Chernóbyl. Aquel 26 de abril do ano 1986 a explosión dun reactor nuclear liberou unha gran cantidade de material radioactivo e tóxico á atmosfera que foi rexistrado primeiro por Suecia e logo por Finlandia e Alemania. A URSS (estado ao que pertencía por aquel entón a actual Ucraína) non recoñeceu o accidente ata dous días despois. 
A cidade máis cercana á central, Pripyat, creada no seu momento para albergar aos traballadores da central foi evacuada completamente e hoxe é unha cidade fantasma invadida pola vexetación como podemos ver no vídeo realizado no 2014. 




Para non extenderme comentarei que podemos informarnos sobre as condicións actuais da zona en artigos de periódicos e en documentais que nos falan do desastre...

Por certo, na biblioteca do centro contamos cun exemplar dunha novela gráfica coa que podemos aprender dun xeito máis ameno.

sábado, 23 de abril de 2016

MOVÉMONOS!!

E non me refiro só ao feito de navegar polo espazo a miles de kilómetros por hora mentres rotamos sobre nós mesmos ou nos trasladamos ao redor do sol (falando relativamente, claro). Non; refírome ao feito de que ese solo que pisamos non é en realidade tan estable como pensamos (ou como queremos crer). Podemos coñecer de primeira man os movementos sísmicos que se producen na península ibérica acudindo á páxina  do Instituto Geográfico Nacional; así tamén nos daremos conta da cantidade de pequenos tremores que se producen ao longo do día e dos que non somos, para nada, conscientes.
A semana pasada, sen embargo, escoitamos falar dun terremoto en Xapón e, case a continuación, doutro en Ecuador. Teñen relación? Un é consecuencia do outro? Porqué nestes lugares os tremores teñen unha maior intensidade e as súas consecuencias son máis catastróficas?. Xa sabedes que isto ten que ver coa tectónica de placas pero nolo explica moi ben o video que colgo a continuación. Así tamén nos enteramos de que é o cinturón ou anillo de lume (e non; non ten nada que ver con Frodo, Gollum e compañía)

quinta-feira, 14 de abril de 2016

85 ANOS

Hoxe, 14 de Abril, cúmplense 85 anos da proclamación da II República Española. Ese periodo da historia de España magnificado ou vilipendiado dependendo de quen se refira a el. Non imos entrar en debate pero, grazas á hemeroteca, podemos darlle un vistazo as portadas dos xornais daquela época. Este artigo de iniciativa debate recolle uns cantos.


A imaxe alegórica para representala denominouse "la niña bonita" e utilizouse tanto na I república proclamada no 1873 como na II do ano 1931; iso si, esta última, con algunha modificación.

quarta-feira, 13 de abril de 2016

EL ROMÁNICO EN LOS MAPAS

Se despois do enlace de onte quedamos con ganas de máis... neste mapa podemos atopar, dun xeito bastante detallado por certo, numerosos exemplos de construcións con elementos románicos. Paseade un pouco pola provincia da Coruña. Seguro que atopades algunha que outra sorpresa!

terça-feira, 12 de abril de 2016

ESTILOS ARQUITECTÓNICOS

Se coa tecnoloxía actual, a Sagrada Familia de Barcelona está en construcción desde 1882 que foi cando se puxo a primeira pedra... Canto tardarían en construir unha igrexa ou unha catedral fai máis de 500 anos? Pois moito tempo, evidentemente. Isto, xunto coas reformas ou as ampliacións que sufriron, é o que fai que en moitas obras de arte se mesturen infinidades de estilos arquitectónicos diferentes. E como distinguilos? Pois podémonos axudar do enlace que vos poño a continuación. Xa podemos ir ata Santa María das Areas a ver se somos quen de poñelo en práctica... 


De que estilo é?

sábado, 9 de abril de 2016

CHIMBORAZO

Este é o nome do volcán ecuatoriano que representa o punto máis elevado da terra con 6.384,4 km. Iso si; respecto ao centro da terra, claro. Recordemos que a terra non é unha esfera senón que ten forma de xeoide (ou o que é o mesmo, forma dela mesma). Explícanolo todo bastante ben esta infografía da Voz de Galicia.

Se aínda así quedamos con dúbidas, podemos ver tamén un vídeo.
Nada novo. A realidade que, coma sempre, é unha cuestión de perspectiva.

quarta-feira, 23 de março de 2016

RÍOS ATMOSFÉRICOS

Sabemos o que é un río, escoitaramos falar desa especie de ríos que existen nos océanos denominados correntes mariñas... pero quizá non tiñamos escoitado falar dos ríos atmósfericos. Agora é o momento de enterarnos. Así xa saberemos a quen culpar ou de que acordarnos cando esteamos fartos da chuvia...

terça-feira, 9 de fevereiro de 2016

AVISO OU ALERTA?

Que foi o que dixeron na tele? Que hai aviso amarelo por fenómenos meteorolóxicos adversos ou hai unha alerta amarela? Non é o mesmo? Para que nos lían?...
Pois non; non é o mesmo e para que non teñamos dúbida ningunha, explicanolo moi ben o artigo da páxina web 4gotas titulado "Avisos y alertas meteorológicas". Seguro que despois o temos máis claro!

domingo, 31 de janeiro de 2016

THE PRESENT

Un corto de animación que xa gañou uns cantos premios creo que merecidos, non? Cadaquén que saque a súa conclusión.

The Present from Jacob Frey on Vimeo.

sábado, 30 de janeiro de 2016

EL GRAN DICTADOR

"El gran dictador" é unha película estadounidense do ano 1940. Ademáis de condenar claramente o nazismo e o antisemitismo, Charles Chaplin, actor e director da película, fai unha feroz parodia do propio Adolf Hitler. Iso si, no seu discurso final, fai un dos mellores alegatos a favor da paz.

quarta-feira, 27 de janeiro de 2016

JAN KARSKI

A historia está chea, como non, de heroes e heroínas anónimas das que case non coñecemos nada xa que, habitualmente, non son protagonistas nos libros de historia. Un destes casos é o de Jan Karski, un membro da resistencia polaca que denunciou, antes do descubrimento dos campos de exterminio, os horrores do holocausto nazi e ao que, por certo, ninguén deu moito creto (ou non llo quixeron dar).


Podedes botarlle un ollo na biblioteca do centro.