terça-feira, 19 de novembro de 2019

MUSEO DO PRADO

Unha das maiores e mellores pinacotecas do mundo está hoxe de días, nada máis e nada menos que 200 anos!!

 
E no caso de non ter posibilidade de ir velo en vivo e en directo, a súa páxina web permítenos desfrutar con detalle das obras da súa colección ao tempo que obtemos unha breve explicación.
Facédelle unha visita, física ou virtual, seguro que non vos arrepentides.

quinta-feira, 8 de agosto de 2019

A MURALLA VERDE


Se exceptuamos á muralla popularizada polos cantantes Ana Belén e Victor Manuel que ten un carácter reversible e pode unir ou separar dependendo de quen veña petar á porta, o resto das murallas e dos muros teñen sempre unha función defensiva e de resistencia. Quizá nos soen, e moito, o muro de Berlín ou ese outro entre EEUU e México que algún dirixente pretende construír. Pero hoxe ímonos fixar nun que ten un matiz positivo.
A muralla verde é o intento que, dende o ano 2007 está a facer o continente africano para evitar a expansión do deserto nunha actuación que se extende dende Senegal ao oeste ata Djibuti situado no chamado corno de áfrica.
Deste xeito, preténdese concienciar á poboación sobre a importancia de frear o avance do deserto derivado da sobreexplotación dos recursos.



quinta-feira, 1 de agosto de 2019

ODS

E que son os ODS que nomeei na entrada anterior? Pois non sei se te terás fixado que na televisión, ás veces, aparece xente cun pin multicolor en forma de anel; isto simboliza os ODS.
Quizá non recordes os ODM (É normal; daquela quizá nin sequera naceras).
Os obxectivos do milenio, que así se chamaban, pretendían actuar sobre a pobreza, a educación, a igualdade, a saúde e o medio para conseguir unha mellora sobre todo nos países de economía en vías de desenvolvemento.


O ano 2015 é cando remataba o prazo autoimposto polo PNUD  (Programa das Nacións unida para o desenvolvemento). Os seus resultados podémolos consultar na súa páxina web.

Os ODS (Obxectivos para o desenvolvemento sostible) supoñen, na realidade, unha continuación e unha ampliación daqueles obxectivos ata o ano 2030.


Parece ser que por fin nos demos conta de que nun mundo cada vez máis globalizado as medidas a tomar deben implicar a todos e cada un dos países (independentemente do seu nivel de desenvolvemento) e a todos e cada un de nós. A Guía dos preguiceiros para salvar o mundo e as 170 accións diarias para salvar o mundo danos consellos sobre que podemos facer para colaborar neste proxecto.
Haberá que poñerse mans a obra, non? 

segunda-feira, 22 de julho de 2019

AQUAMETRAGEM

É o título da curtametraxe portuguêsa de Marina Lobo que ven de gañar o festival ODS de filmes de acción organizado pola ONU na categoría "Protexer o noso planeta". A curta, en apenas seis minutos, pretende sensibilizar sobre a correcta utilización dos limitados recursos hídricos.

terça-feira, 9 de julho de 2019

ARAL

Aí está. Sinalado cun punteiro vermello o que, no seu día foi a cuarta masa de auga interior no planeta terra. E falamos en pasado porque dende os anos 60 do século anterior esta masa de auga non fixo máis que minguar. Hoxe, a pesar dunha pequena e tímida recuperación na súa parte norte, o mar está practicamente a desaparecer. As implicacións ambientais, económicas e sociais son fáciles de imaxinar.




Cóntanolo ben o noticiario e, dun xeito máis poético quizá, o documental titulado "Aral, el mar perdido" de Isabel Coixet.

terça-feira, 5 de março de 2019

CANDO UN É VÍCTIMA DE SI MESMO

Stalin é unha desas personaxes históricas que orixina en torno a ela intensos debates por parte de defensores e de detractores. Independentemente do papel que xogara na liberación de Europa do nazismo o certo é que dirixiu a URSS con man de ferro (deberiamos dicir máis ben con man de aceiro, stal en ruso, que de aí é de donde vén o seu sobrenome) dende o ano 1922 ata a súa morte no 1953. O réxime de terror que implantou debeu ser de tal envergadura que cando sufriu un infarto ninguén foi quen de botarlle a man por medo (algo de razón deben ter os seus detractores)
Isto aconteceu fai hoxe 66 anos e é o que nos conta, xunto ao enfrontamento pola súa sucesión, a película, en tono de comedia, así titulada: "A morte de Stalin". 



Se tedes ocasión botádelle un ollo cando poidades así como ao cómic que tamén nolo conta.

sexta-feira, 1 de março de 2019

ESTACIÓN METEOROLÓXICA VERSUS ESTACIÓN ASTRONÓMICA

Unha vez escoiteille dicir a Santiago Pemán nunha entrevista na radio (o que foi home do tempo na galega durante moito tempo) que en Galicia tiñamos tres estacións: o verán, o inverno e a do tren.

Pois resulta que non; hai bastantes máis aínda que só sexa polo feito de que non coinciden exactamente as astronómicas coas meteorolóxicas. Estas últimas comezan sempre co inicio do mes: o 1 de marzo, o 1 de xuño, o 1 de setembro e o 1 de decembro. Estatísticamente é así máis fácil comparar datos xa que , as estacións, sempre duran o mesmo (excepto en ano bisesto, claro) e non dependen da elipse que traza a órbita da terra no seu movemento de traslación que pode modificar a duración da estación ata en catro días.
Por se alguén non se enterou, entramos xa na primavera meteorolóxica.

sábado, 9 de fevereiro de 2019

FERNANDO VII

Cando escoitei hai pouco a un político referirse a outro político como felón (sen comentarios) acordeime, como non, de Fernando VII, ese rei que pasou de alcumarse ao principio como o desexado para rematar sendo coñecido, xustamente, como o rei felón.
Tirano, hipócrita, cruel, despiadado, vengativo son solo algúns dos adxectivos que se lle adican. E algo de razón debe haber cando é unha figura vilipendiada practicamente por calquera persoa estudiosa da historia (co difícil que resulta poñer de acordo á xente). E a verdade é que á vista das intrigas que protagonizou antes de reinar e as actuacións ao longo dos anos do seu reinado, a adxectivación quédase corta.
Mirade, escoitade e valorade pois.