domingo, 29 de maio de 2016

GUINEA ECUATORIAL

Este pequeno país africano de fronteiras rectilíneas foi unha das colonias que en África posuíu España. Practicamente non sabemos nada del, como nada sabemos das antiguas colonias españolas neste continente (será unha cuestión de vergoña nacional?).
Á historia académica non lle interesa e á realidade actual tampouco.


É curioso, por isto, que teña que ser un best-seller e unha película comercial quen o poña no mapa; estoume a referir a Palmeras en la Nieve, filme que nos introduce nese convulso período de transición no que Guinea Ecuatorial pasou de colonia, a provincia de ultramar e a obter definitivamente a súa independenza. E coincide no tempo con unha película-documental, Un día vi 10.000 elefantes, que narra a viaxe, contada dende o punto de vista de Angono Mba un dos porteadores guineanos, que por ese país realizou Manuel Hernandez Sanjuan entre os anos 1944 e 1946 intentando documentar a vida na Colonia. Documental que deixa ao descuberto.... Case mellor o vedes e sacades vós mesmos a conclusión. Un bo exercicio de reflexión, sen dúbida!!

segunda-feira, 16 de maio de 2016

SYKES - PICOT

Parece incríble que unhas liñas trazadas con lápices de cores sobre un mapa poidan ter (e manter) as consecuencias que teñen... un século despois!!



E é que eses lápices de cores marcaban o reparto (secreto) que fixeron o Reino Unido e Francia, dunha parte do territorio do Imperio Otomano, no caso de que este fora derrotado na I Guerra Mundial. O tratado no que se fixo esta división coñécese como Acordo Sykes-Picot e firmouse o 16 de maio de 1916. O problema é que non só non tiveron en conta aos habitantes do lugar (as potencias coloniais por aquel entón nunca o facían. Espera. Agora tampouco!), senón que previamente os engañaran prometéndolles a creación da Gran Arabia a cambio da súa axuda para derrotar ao Imperio Otomano, aliado do Imperio Alemán e do Austro-Húngaro na Grande Guerra (Un pouco máis tarde, en 1917, o goberno británico tamén apoiou á creación dun estado Xudeu coa declaración Balfour). Xa sabemos como acabou aquela guerra. O que non sabemos é como vai acabar o resto...

domingo, 8 de maio de 2016

EL MINISTERIO DEL TIEMPO

Aprender historia non ten porque ser aburrido; so temos que elixir o medio adecuado. Un deles pode ser vendo a televisión. Si, si, ledes ben, vendo a televisión. Recoméndovos esta serie que emite actualmente a 1 de TVE, El Ministerio del Tiempo. Unha serie de ciencia ficción que xoga coa posibilidade de viaxar a outras épocas, ao tempo que unha patrulla encárgase de actuar, para que nada cambie no pasado e conseguir así que todo permaneza no presente. Atractivo, non? No último capítulo de feito mesturaron varios temas: o das "sin sombrero" (ese grupo de mulleres artistas da xeración do 27 esquecidas pola historia) co da Vampira do Raval (un episodio truculento de comezos do S.XX en Barcelona) e outro tema máis coñecido actualmente como pode ser o dos nenos roubados. Ademáis de pasar un rato entretido, podemos aprender moitas cousas xa que a serie está bastante ben documentada.
O capítulo de mañá fala de Colón. Animádesvos?

segunda-feira, 2 de maio de 2016

Iº DE MAIO

O 1º de maio non é, en realidade un día de festa senón de reivindicación. De feito é un día de folga remunerado. E cal é a orixe desta conmemoración? Pois ten moito que ver coa historia do sindicalismo. A revolución industrial deixou atrás un modelo productivo baseado na agricultura para traer outro novo baseado no traballo dos obreiros nas fábricas a cambio dun salario (unha nova clase social que xurde; o proletariado). As condicións eran pésimas: xornadas de traballo interminables, sen días de descanso nin vacacións, condicións insalubres, salario ínfimo e traballo infantil. Xurde así o movemento obreiro como xeito de reivindicar a mellora destas condicións.
Unha destas referíase á xornada laboral de oito horas. Comezou deste xeito unha folga xeral o 1 de Maio do ano 1886 nos EEUU que continuou con manifestacións, revoltas, encarceramentos e o axustizamento de oito traballadores de unha imprenta anarquista acusados de provocar o estoupido de unha bomba nun mitin: os mártires de Chicago.


Como tributo a estes traballadores instaurouse no marco da II internacional socialista, o 1º de Maio como día internacional dos traballadores.
Así que cando os gobernos propoñan leis laborais ou pretendan chegar a acordos internacionais (como o TTIP) que mermen os dereitos dos traballadores, quizá deberíamos recordar máis a loita de todos aqueles que conseguiron que disfrutaramos dunhas condicións laborais dignas.