O 1º de maio non é, en realidade un día de festa senón de reivindicación. De feito é un día de folga remunerado. E cal é a orixe desta conmemoración? Pois ten moito que ver coa historia do sindicalismo. A revolución industrial deixou atrás un modelo productivo baseado na agricultura para traer outro novo baseado no traballo dos obreiros nas fábricas a cambio dun salario (unha nova clase social que xurde; o proletariado). As condicións eran pésimas: xornadas de traballo interminables, sen días de descanso nin vacacións, condicións insalubres, salario ínfimo e traballo infantil. Xurde así o movemento obreiro como xeito de reivindicar a mellora destas condicións.
Unha destas referíase á xornada laboral de oito horas. Comezou deste xeito unha folga xeral o 1 de Maio do ano 1886 nos EEUU que continuou con manifestacións, revoltas, encarceramentos e o axustizamento de oito traballadores de unha imprenta anarquista acusados de provocar o estoupido de unha bomba nun mitin: os mártires de Chicago.
Como tributo a estes traballadores instaurouse no marco da II internacional socialista, o 1º de Maio como día internacional dos traballadores.
Así que cando os gobernos propoñan leis laborais ou pretendan chegar a acordos internacionais (como o TTIP) que mermen os dereitos dos traballadores, quizá deberíamos recordar máis a loita de todos aqueles que conseguiron que disfrutaramos dunhas condicións laborais dignas.

Sem comentários:
Enviar um comentário