segunda-feira, 31 de outubro de 2016

O CETA, CABALO DE TROYA DO TTIP

Este era o chamativo titular do artigo dun xornal dixital alá polo mes de maio. E agora o cabalo de Troya converteuse nunha realidade posto que a UE firmou con Canadá este acordo comercial. Se partimos da premisa de que os acordos comerciais son bos, porque este rexeitamento ao CETA firmado con Canadá e ao TTIP que se negocia cos EEUU?
Información non oficial podemos atopar moita (entre outras cousas porque as negociacións mantéñense en segredo; non resulta sospeitoso?) Se ben é certo que os acordos pretenden facilitar o comercio internacional entre os estados firmantes, non é menos certo que só se pode facer equiparando as normativas sanitarias, laborais e medioambientais. He aquí onde radica un das maiores críticas que se lle fai, xa que probablemente estas lexislacións se unifiquen segundo o criterio máis laxo.



A outra crítica é a de que abre a posibilidade do control das multinacionais sobre os estados, xa que permite a demanda por parte das empresas aos gobernos, cando a lexislación destes perxudiquen os intereses daquelas (e xa sabemos de donde saca o estado os cartos).
Vamos, que nolo poden dicir con humor ou con música pero é a nosa labor informarnos para reflexionar sobre as consecuencias que pode ter, para nós, a ratificación destes acordos polos parlamentos dos diferentes estados...

sábado, 15 de outubro de 2016

QUEN DESCUBRIU QUE?

Máis que "quen descubriu que", este mapa que podemos consultar en internet, deberíase chamar "Quen deu primeiro noticia de?"... Ao fin e ao cabo, xa sabemos, que Colón non foi o primeiro europeo en toparse co continente Américano.



E con respecto ao feito do "descubrimento" de America, como cada 12 de outubro, a porfía está servida entre defensores e detractores da conquista. Non é que me gusten as polémicas pero recoñezo que me apasionan os debates. Lede e opinade.

domingo, 9 de outubro de 2016

ANTROPOCENO

Pois ao final tivemos verán e... menudo verán! E sempre, pase o que pase (se fai frío, se fai calor, se chove moito, se hai seca...) botámoslle a culpa ao cambio climático resultado da influencia do ser humano sobre o medio. E esta influencia é real; non fai falla máis que mirar unha imaxe nocturna do noso planeta para darnos conta disto.


Un dato novo, ademáis, vén a confirmalo. Xa deixamos a nosa pegada xeolóxica, é dicir, os residuos das actividades humanas conforman unha capa máis nos estratos de sedimentación da terra. E esta evidencia é a que fai que algúns científicos propoñan unha nova división da escala temporal xeolóxica denominada así: Antropoceno. Unha desgracia máis para o planeta. Se ben claramente, nós non estamos en condicións de revertir o proceso, quizá estea da nosa man frealo un pouco. Colaborar nesta empresa costa pouco e non nos supón un gran esforzo. Cooperamos?