terça-feira, 26 de abril de 2016

LIQUIDADORES

Este é o nome que recibiron os verdadeiros heroes anónimos que loitaron para intentar minimizar as consecuencias dun dos desastres nucleares máis importantes da Historia (exceptuando as barbaridades de Hiroshima e Nagasaki e o de Fukushima orixinado polo terremoto e posterior maremoto do 2011 en Xapón) do que hoxe cúmprense 30 anos; Chernóbyl. Aquel 26 de abril do ano 1986 a explosión dun reactor nuclear liberou unha gran cantidade de material radioactivo e tóxico á atmosfera que foi rexistrado primeiro por Suecia e logo por Finlandia e Alemania. A URSS (estado ao que pertencía por aquel entón a actual Ucraína) non recoñeceu o accidente ata dous días despois. 
A cidade máis cercana á central, Pripyat, creada no seu momento para albergar aos traballadores da central foi evacuada completamente e hoxe é unha cidade fantasma invadida pola vexetación como podemos ver no vídeo realizado no 2014. 




Para non extenderme comentarei que podemos informarnos sobre as condicións actuais da zona en artigos de periódicos e en documentais que nos falan do desastre...

Por certo, na biblioteca do centro contamos cun exemplar dunha novela gráfica coa que podemos aprender dun xeito máis ameno.

sábado, 23 de abril de 2016

MOVÉMONOS!!

E non me refiro só ao feito de navegar polo espazo a miles de kilómetros por hora mentres rotamos sobre nós mesmos ou nos trasladamos ao redor do sol (falando relativamente, claro). Non; refírome ao feito de que ese solo que pisamos non é en realidade tan estable como pensamos (ou como queremos crer). Podemos coñecer de primeira man os movementos sísmicos que se producen na península ibérica acudindo á páxina  do Instituto Geográfico Nacional; así tamén nos daremos conta da cantidade de pequenos tremores que se producen ao longo do día e dos que non somos, para nada, conscientes.
A semana pasada, sen embargo, escoitamos falar dun terremoto en Xapón e, case a continuación, doutro en Ecuador. Teñen relación? Un é consecuencia do outro? Porqué nestes lugares os tremores teñen unha maior intensidade e as súas consecuencias son máis catastróficas?. Xa sabedes que isto ten que ver coa tectónica de placas pero nolo explica moi ben o video que colgo a continuación. Así tamén nos enteramos de que é o cinturón ou anillo de lume (e non; non ten nada que ver con Frodo, Gollum e compañía)

quinta-feira, 14 de abril de 2016

85 ANOS

Hoxe, 14 de Abril, cúmplense 85 anos da proclamación da II República Española. Ese periodo da historia de España magnificado ou vilipendiado dependendo de quen se refira a el. Non imos entrar en debate pero, grazas á hemeroteca, podemos darlle un vistazo as portadas dos xornais daquela época. Este artigo de iniciativa debate recolle uns cantos.


A imaxe alegórica para representala denominouse "la niña bonita" e utilizouse tanto na I república proclamada no 1873 como na II do ano 1931; iso si, esta última, con algunha modificación.

quarta-feira, 13 de abril de 2016

EL ROMÁNICO EN LOS MAPAS

Se despois do enlace de onte quedamos con ganas de máis... neste mapa podemos atopar, dun xeito bastante detallado por certo, numerosos exemplos de construcións con elementos románicos. Paseade un pouco pola provincia da Coruña. Seguro que atopades algunha que outra sorpresa!

terça-feira, 12 de abril de 2016

ESTILOS ARQUITECTÓNICOS

Se coa tecnoloxía actual, a Sagrada Familia de Barcelona está en construcción desde 1882 que foi cando se puxo a primeira pedra... Canto tardarían en construir unha igrexa ou unha catedral fai máis de 500 anos? Pois moito tempo, evidentemente. Isto, xunto coas reformas ou as ampliacións que sufriron, é o que fai que en moitas obras de arte se mesturen infinidades de estilos arquitectónicos diferentes. E como distinguilos? Pois podémonos axudar do enlace que vos poño a continuación. Xa podemos ir ata Santa María das Areas a ver se somos quen de poñelo en práctica... 


De que estilo é?

sábado, 9 de abril de 2016

CHIMBORAZO

Este é o nome do volcán ecuatoriano que representa o punto máis elevado da terra con 6.384,4 km. Iso si; respecto ao centro da terra, claro. Recordemos que a terra non é unha esfera senón que ten forma de xeoide (ou o que é o mesmo, forma dela mesma). Explícanolo todo bastante ben esta infografía da Voz de Galicia.

Se aínda así quedamos con dúbidas, podemos ver tamén un vídeo.
Nada novo. A realidade que, coma sempre, é unha cuestión de perspectiva.